Breve historia do nacemento dun estaleiro.
A nosa empresa “Astilleros Catoira” comezou a súa andadura alá polo ano 1915, coa fundación dun pequeno estaleiro por parte do meu avó D. Xosé Ramón Collazo Tubío. Dito estaleiro estaba situado na ensenada do Castillo en Rianxo. Esta localización non mudaría ata o 1989, ano no que debido ao recheo destes terreos, tívose que construír unha nova nave na zona portuaria de Rianxo, ubicación que se mantén ata o día de hoxe.
Aínda que nun principio só participaban nesta empresa o meu avó xunto con catro carpinteiros do pobo, moitos dos mellores carpinteiros de ribeira da bisbarra formáronse neste estaleiro, chegando máis adiante a independizarse e ter a súa propia empresa.
O tipo de embarcacións que se facían neste estaleiro variaban en función das necesidades dos armadores, podendo tratarse de embarcacións de pequeno porte como: racús, xeiteiras, burriños, etc., ou de maior medida como: balandros de dous mastros ou pailebotes, utilizados para o transporte de mercadorías.
Unha segunda xeración comenza a finais dos anos corenta, coa incorporación do meu pai D. Manuel Collazo Dieste, o cal se tivo que pór ao fronte do estaleiro debido ao falecemento do meu avó.
Nesta nova etapa, o meu pai continuou a actividade do estaleiro, incorporando pouco a pouco pequenos adiantos que ían xurdindo neste tipo de actividade. Así, a mediados dos anos sesenta, a chegada da primeira cepilladora e serra eléctrica converteuse nunha auténtica revolución neste sector.
Con isto e axudado por unha plantilla, que chegou a ser de dezaoito persoas, construíron innumerables embarcacións, sendo unha das primeiras a “Santa Elena” que construíu para a empresa conserveira “Escurís” e que se mostra na seguinte foto:
Deste estaleiro saíron numerosas embarcacións de todos os tipos, barcos de pesca de baixura, barcos de cerco e coa implantación das primeiras bateas de mexillóns xurdiu un nicho de traballo de barcos auxiliares de acuicultura que chegou ata o día de hoxe.
Como embarcacións máis representativas desta andadura podemos destacar o barco cerqueiro “Manilo” construído para Ribeira en 1970 cunha eslora total de 19 metros, 5 metros de manga e 2 metros de puntal.
A embarcación de maior porte construída nesta etapa foi un barco draga areeiro, o “Encarna Segundo”, que faenaba nos lombos do ría Ulla cunhas medidas de 25 metros de eslora, 8 metros de manga e 2,20 metros de puntal e chegando a cargar ata 150 toneladas de area entre as dúas tolvas metálicas das que dispoñía.
A última etapa que conforma a terceira xeración dos Astilleros Catoira, estivo liderada polos irmás Manuel e Ramón Collazo Mosquera, ata o recente falecemento de Manuel. Comenzou esta andadura en abril de 1997, coa constitución da empresa “Herederos Manuel Collazo Diste CB”, coñecida comercialmente como Astilleros Catoira.
A súa actividade vénse desenvolvendo na nave anteriormente citada así como noutra adxacente, adquirida no ano 1996 como ampliación do negocio. Cada unha destas naves dispón dunha zona cuberta de 20 metros de ancho por 30 metros de largo, un patio exterior descuberto de 10 x 20 metros e dúas ramplas de varada con saída ao mar.
Ao longo destes preto de cen anos construímos numerosas embarcacións de pesca, auxiliares de acuicultura, gamelas, embarcacións tradicionais, etc. Sempre de xeito tradicional, e nestes últimos anos incorporamos novas técnicas tanto no tratamento da madeira coma no selado e pegado con pinturas e colas epoxídicas e na combinación de distintos materiais (superestructuras de PRFV, aceiro inoxidable ou aluminio).
Así mesmo, tamén realizamos labores de mantemento con distintos carros de varada, e recuperación/restauración de embarcacións con interese no patrimonio histórico-marítimo. Neste apartado é de destacar a recuperación do “Evangelina Uno”, construído no Freixo no ano 1912 e restaurado por nós nos anos 2006/2007.