As carpinterías de ribeira están consideradas como os templos da cultura mariñeira e tamén como centro de sabedoría artesanal, onde a madeira se converte no elemento transcendental que é o barco. Na ría de Arousa é onde hai o maior número de carpinterías de ribeira de Europa. Desde os tempos máis remotos, cando os homes e mulleres emprenderon a conquista dos mares, as navegacións e os traballos pesqueiros tiveron como base a madeira. Os barcos foron durante séculos exclusivamente de madeira. Hoxe hai novos materiais que non se desprezan, pero desde o programa reivindicarase que a vixencia da madeira.
Rivadulla Corcón mantén unha conversa moi enriquecedora con Ramón e Manolo, irmáns Collazo, carpinteiros de ribeira en Rianxo, no estaleiro Catoira; e con Ramón Vicente, un bateeiro que aposta pola madeira no seu barco; con Lita Places, a secretaria da Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira AGALCARI, que engloba a todos os carpinteiros de ribeira de Galicia; co carpinteiro de ribeira Ángel Lojo, co que asiste aos traballos de construción dun cerqueiro en madeira; con Diego Pérez, do porto de Pontedeume, que ten só 22 anos e aposta pola madeira, e con Eva Triñanes, que traballa no estaleiro do seu pai, Xerardo Triñanes, en Boiro. En Rianxo xúntase o equipo do “Pescadores de Historias” cos convidados desta edición para xantar no mesón O Portiño, propiedade de Roberto Fernández.