Necesidade de persoal cualificado

Noticia en El Correo Gallego
Necesidade de persoal cualificado

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este martes as instalacións de Estaleiros Catoira, en Rianxo, onde salientou o importante papel que xogan este tipo de talleres de construción de embarcacións en madeira para preservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira, unha parte fundamental do patrimonio inmaterial de Galicia.

Neste sentido, lembrou que a Consellería asinou un novo convenio coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) por importe de 30.000 € para desenvolver actividades de recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego e para a protección deste oficio tradicional.

Quintana, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, incidiu en que Galicia consolida así o seu apoio á construción naval en madeira e á preservación do patrimonio cultural e mariñeiro.

De feito, o convenio prevé financiar distintas actuacións durante 2021, como a promoción da recuperación do patrimonio marítimo flotante como importante nicho de traballo para o futuro da carpintería de ribeira, o impulso da competitividade do sector e a promoción e a cooperación mediante a participación en distintos eventos.

Pola súa banda, o presidente de Agalcari, Ramón Collazo, destacou que “cando un estaleiro pequeno como o noso ten a sorte de contratar a construción dun barco de madeira, atópase coa enorme dificultade de conseguir persoal cualificado para poder cumprir cos prazos establecidos”. Neste sentido, Collazo reclamou a creación dunha formación regrada sobre a construción de barcos de madeira e con perspectivas de futuro, que poida sentar as bases dunha nova carpintería de ribeira”.

Ó respecto, Rosa Quintana indicou que “xa iniciei contactos ca Consellería de Cultura, Educación e Universidade e ca de Emprego e Igualdade para deseñar un ciclo de Formación Profesional, que nos vai levar tempo”. Asimesmo, engadiu que “a vindeira semana empezaremos a deseñar uns cursos de formación profesional para que os máis mozos poidan ver un futuro nesta actividade e que os que están hoxe desenvolvéndoa non teñan a dificultade de atopar persoal cualificado”.

Tamén lembrou que “Galicia é das últimas rexións europeas onde a carpintería de Ribeira conserva o seu vínculo co territorio e a que ten maior densidade e actividade de construción naval en madeira”. Por iso, subliñou a relevancia de renovar e modernizar o sector, de diversificar a produción e investir en tecnoloxía, I+D+i e formación co obxectivo de facer fronte a retos do sector como a remuda xeracional.

A representante do Executivo galego destacou que a colaboración con Agalcari -vixente practicamente desde a creación da entidade- permite avanzar na preservación desta forma de construír tradicional, que é unha mostra máis do patrimonio marítimo-pesqueiro e cultural da Comunidade. Galicia avanza así na protección da súa cultura marítima, á que contribuirá tamén o Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030, que se elaborará no marco dun convenio de colaboración asinado a comezos de mes entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación.

21-07-2021